DUVI
Xoves, 02 de Abril do 2009

Coordinadas pola OPICO e coa colaboración da ESEI e do Consello Social

As novas tecnoloxías e o seu marco xurídico a debate nas I Xornadas de informática e legalidade

Os mércores 15, 22 e 29 de abril no Edificio Politécnico


Image A informática é unha ferramenta cada vez máis presente en todos os ámbitos, por iso cómpre regular algúns dos seus aspectos a través dun marco legal. Co obxectivo de proporcionar un mellor entendemento sobre como a informática unida a uns límites xurídicos axeitados, contribúen ao desenvolvemento da nova sociedade da información, o Edificio Politécnico acollerá os mércores 15, 22 e 29 de abril as I Jornadas de informática y legalidad , organizadas polos membros de OPICO e coa colaboración da ESEI e do Consello Social.

Image Noelia V. Vilanova | Ourense
A informática é unha ferramenta cada vez máis presente en todos os ámbitos, por iso cómpre regular algúns dos seus aspectos a través dun marco legal. Co obxectivo de proporcionar un mellor entendemento sobre como a informática unida a uns límites xurídicos axeitados, contribúen ao desenvolvemento da nova sociedade da información, o Edificio Politécnico acollerá os mércores 15, 22 e 29 de abril as I Jornadas de informática y legalidad. O curso cumpre unha dobre función formativa, xa que “diríxese tanto a estudantes de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática como ao alumnado de Dereito”, explica Pablo Pinés, un dos directores das xornadas e vicepresidente da Organización Precursora de Iniciativas do Campus de Ourense, OPICO. Para os primeiros o curso aportaralles unha “introdución aos aspectos xurídicos que afectan ao exercicio da profesión que están estudando”, mentres que aos segundos ofreceralles “unha visión da informática en relación coas cuestións legais que a regulan”. Non obstante as xornadas están abertas a calquera estudante ou persoa que teña curiosidade no tema, xa que nos atopamos ante unha disciplina cada vez máis indispensable na nosa sociedade.
Organizado polos membros de OPICO e coa colaboración da ESEI e do Consello Social, o curso nace coa idea de cubrir certas lagoas na formación dos estudantes do campus, “detectamos unha carencia neste terreo en ambas titulacións, por iso decidimos organizar as xornadas”, comenta Pinés. A pesar de que é a primeira vez que se celebran, os seus organizadores agardan que se repitan nos próximos anos se acadan o éxito esperado.
A inscrición, de carácter gratuíto, poderá realizarse a través da web de OPICO. Ao remate das xornadas os participantes recibirán un diploma de asistencia que será validable, no caso dos alumnos da Universidade de Vigo, por un crédito de libre elección.

As leis e a informática

As xornadas desenvolveranse os días 15, 22 e 29 de abril no salón de actos e na aula magna do Edificio Politécnico. O primeiro día comezará a actividade coa inauguración por parte de Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus; Camilo Ocampo, subdelegado do Goberno; Enrique Barreiro, director da ESEI; Inés Iglesias, decana da Facultade de Dereito; Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG); Rubén Cid, vicepresidente do CPEIG e Pablo Pinés, director das xornadas. Tras o acto inaugural, darán inicio as conferencias que terán como eixo neste día as peritaxes informática e forense e a Lei orgánica de protección de datos de carácter persoal, onde se achegarán visións por parte de profesionais e académicos da materia.
O 22 de abril retomarase o tema, centrándose nos aspectos da seguridade informática, no coñecemento do DNI electrónico, as funcións e aplicacións que ten na vida cotiá, debatendo sobre a controversia en materia dos nomes de dominios de Internet e, xa para rematar, falarase do réxime xurídico da vídeo vixilancia.
As xornadas chegarán ao seu fin o último mércores de abril, o 29, día no que se tratarán temas como a sinatura electrónica, a información nos centros escolares para a prevención de delitos informáticos e a instrución destes e o emprego das novas tecnoloxías como un avance definitiva na integración das persoas cegas. Ao remate dos relatorios celebrarase o acto de clausura e a entrega de diplomas.
< Ant.   Seg. >

DUVI. Diario da Universidade de Vigo. 2007-2008 | Redacción