DUVI
Luns, 17 de Novembro do 2008

IV Xornadas sobre as profesións xurídicas afondan nas claves do futuro laboral dos licenciados en Dereito

O curso pretende servir de orientación aos alumnos


Image Tras dous cursos académicos desde a anterior edición, este luns comezaron as IV Xornadas sobre as profesións xurídicas. Mellorando o programa e incorporando novas saídas profesionais, este curso pretende ser unha ferramenta útil e esencial para todos os estudantes que aspiren a enfocar o seu futuro laboral nalgunha das múltiples posibilidades que oferta a titulación de Dereito. As xornadas contan coa participación de numerosos expertos nos temas xurídicos que achegarán a súa experiencia aos asistentes sobre o traballo diario das diferentes opcións laborais que esta profesión ofrece.

Image
Inauguración oficial das xornadas
Noelia V. Vilanova | Ourense
Tras dous cursos académicos desde a anterior edición, este luns comezaron as IV Xornadas sobre as profesións xurídicas. Mellorando o programa e incorporando novas saídas profesionais, este curso pretende ser unha ferramenta útil e esencial para todos os estudantes que aspiren a enfocar o seu futuro laboral nalgunha das múltiples posibilidades que oferta a titulación de Dereito. As xornadas contan coa participación de numerosos expertos nos temas xurídicos que achegarán a súa experiencia aos asistentes sobre o traballo diario das diferentes opcións laborais que esta profesión ofrece.
Este curso diríxese a estudantes da Facultade de Dereito, especialmente aos que están nos primeiros cursos, de aí que se celebre cada dous anos, de xeito que os destinatarios non sexan os mesmos en cada ocasión. O obxectivo das xornadas “é servir de guía aos estudantes para que coñezan as posibilidades e se orienten polo camiño que máis lles interesa”, comentou Iago Fariñas, vicedecano de Alumnado da Facultade de Dereito e uns dos directores do curso, durante a inauguración oficial. “Aos alumnos de último curso tamén lles sirve para decidirse definitivamente e para axudar, incluso, a que entren en contacto con persoas que os poidan orientar”, proseguiu Fariñas.
Rodrigo González, presidente da Asociación OPICO (Organización Precursora de Iniciativas do Campus de Ourense) destacou a importancia das xornadas, “porque para poder elixir o que máis nos conveña, primeiro hai que coñecer as opcións”, e este curso “permite coñecer o amplo abano que ante nós se abre, xa que todos os que estamos aquí buscamos un fin na carreira de Dereito”.
Pola súa parte, a decana da Facultade de Dereito, Inés Iglesias, alabou aos relatores das xornadas e subliñou que “son persoas que non necesitan presentación, de prestixio e moi ocupadas, ás que agradezo a súa colaboración, non só hoxe, senón constantemente”.
O éxito das anteriores edicións, nas que se superaron os 150 matriculados, avala o interese por parte do alumnado neste curso. O perfil dos profesionais encargados dos relatorios, persoas de recoñecido prestixio no mundo do dereito e antigos alumnos da facultade, fai que a súa experiencia vital e laboral sirva de orientación para os que aínda están comezando.

A profesión de avogado

O acceso aos colexios e agrupacións profesionais de avogados foi o tema que inaugurou as xornadas da man de Arturo González, decano do Colexio de Avogados de Ourense; Mayte López, presidenta da Agrupación de Xóvenes Avogados e Marcos Vázquez, director da Escola de Práctica Xurídica Pérez Ávila. González e López dirixiron o seu relatorio cara o exercicio profesional dos avogados, “un traballo bonito e difícil, no que a competitividade acada cotas moi elevadas”, comentou González. Vázquez, pola súa banda, foi encargado de afondar na Lei de Acceso ao Exercicio da Avogacía.
O seguinte relatorio da tarde encargouse de dar a coñecer o día a día desta profesión a través das experiencias de Lucila Vázquez, Victor M. González e Iago Fariñas, todos eles avogados colexiados en Ourense.

Catro días de conferencias

Moitos serán os expertos en dereito que pasen pola Aula Magna do Edificio Xurídico-Empresarial ata o 25, día no que rematarán as xornadas.
O martes 18 ás 16.00 horas, Miguel Herrero, inspector de Traballo de Ourense informará aos alumnos sobre como se accede ao seu posto. Tras el, os segredos das notarías serán desvelados por María José Rodríguez, notario da cidade de Ourense e Begoña Macías, ex alumna da facultade. A tarde rematará con Ricardo Garrido, decano do Colexio de Procuradores de Ourense e Ángel Soto, ex alumno de dereito e procurador; ambos falarán sobre o exercicio profesional do seu traballo.
O acceso ás entidades financeiras, á Axencia Tributaria e á docencia son os temas que se tratarán o mércores 19. Gonzalo Iglesias, director de Relacións Laborais de Caixanova; Luis Emilio Sánchez, delegado da Axencia Tributaria, Ana María Tobio, catedrática de Dereito Mercantil e Rosa Ricoy, investigadora da Área de Filosofía do Dereito serán os que lle poña voz aos relatorios desa tarde.
O xoves 20 centrarase no acceso as forzas e corpos de seguridade en España e Portugal, seguido por unha charla que aconsellará sobre as claves para enfrontarse a unha oposición e as posibilidades de acceso á Administración Pública. Finalmente un relatorio sobre o desenvolvemento do exercicio profesional do rexistrador da propiedade concluirá a xornada.
A clausura do curso e a entrega dos diplomas que acreditan a asistencia será o venres 21, día no que as saídas dos titulados en dereito nas institucións da Unión Europea, o acceso á empresa privada e á xudicatura pecharán os relatorios.

O panorama actual da profesión

A través destas xornadas farase un repaso ao panorama actual da oferta de emprego para os licenciados en dereito. Na opinión de Fariñas, os titulados teñen moitas posibilidades para incorporarse ao mercado laboral, “outras carreiras poden explicar as súas saídas nun par de sesións, pero nós necesitamos unha semana e quedan moitas cousas no tinteiro”. Para Fariñas o futuro laboral dos alumnos está nas súas mans, xa que “a formación é o punto de partida, pero as ganas, o enxeño, a personalidade e capacidade de relacionarse socialmente de cada persoa son fundamentais para lograr os seus obxectivos”.

Máis información
< Ant.   Seg. >

DUVI. Diario da Universidade de Vigo. 2007-2008 | Redacción