DUVI
Mércores, 15 de Abril do 2009

No Edificio Politécnico os días 15, 22 e 29 de abril

Novas tecnoloxías e dereito danse a man nas I Jornadas de informática y legalidad


Image O rápido desenvolvemento das novas tecnoloxías fai que estas ferramentas sexan cada vez máis imprescindibles nas nosas vidas, pero para que todas a persoas poidamos empregalas e sentirnos seguros, cómpre que a súa actividade sexa regulada mediante un marco legal. Precisamente ao redor desta temática xira a I Jornada de informática y legalidad que se inaugurou este mércores 15 no salón de actos do Edificio Politécnico e que continuará os días 22 e 29 de abril.

Image
Organizadores e colaboradores
Noelia V. Vilanova | Ourense
O rápido desenvolvemento das novas tecnoloxías fai que estas ferramentas sexan cada vez máis imprescindibles nas nosas vidas, pero para que todas a persoas poidamos empregalas e sentirnos seguros, cómpre que a súa actividade sexa regulada mediante un marco legal. Precisamente ao redor desta temática xira a I Jornada de informática y legalidad que se inaugurou este mércores 15 no salón de actos do Edificio Politécnico e que continuará 22 e 29 de abril. Esta xornada xurdiu “pola necesidade de cubrir determinadas áreas de formación non previstas nos plans de estudos”, afirmou Pablo Pinés, un dos organizadores, e coa súa realización cúmprense dous obxectivos como son aportar unha introdución aos límites xurídicos da enxeñería e por outra banda ofrecer unha visión da informática en relación co dereito.
Na inauguración das xornadas, Enrique Barreiro, director da ESEI, destacou a súa importancia, xa que “a pesar de que Internet e lexislación poden parecer conceptos antagónicos, a sociedade reclama protección e os dereitos dos consumidores deben adaptarse ás novas tecnoloxías”.
Como exemplo de implicación das institucións do Estado no curso, Camilo Ocampo, subdelegado do Goberno, subliñou dúas das conferencias das xornadas nas que participarán membros da Policía Nacional e da Garda Civil "falando respectivamente do DNI electrónico e a información en centros escolares para a prevención de delitos informáticos”.
Fernando Suárez e Rubén Cid, presidente e vicepresidente do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia que colabora na realización das xornadas lembraron a súa participación “aportando relatores do máis alto nivel”, destacando tamén, que o curso coincide cun dos obxectivos primordiais do colexio, “o de achegar á cidadanía o coñecemento da sociedade da información”.
O encargado de pechar o acto inaugural foi Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus, quen centrouse en sinalar a importancia de que “informática e legalidade deben ir da man, aínda que o habitual é que a primeira vaia por diante da segunda”.

Sesión inaugural

Á inauguración seguíronlle as conferencias da xornada, que segundo comentou un dos organizadores, Iago Fariñas “agardamos non sexa a última, senón que continúe no tempo e aumente os seus contidos”. O primeiro relatorio da tarde ofrecido Diego Benítez, responsable de sistemas de xestión e data warehouse do Banco Pastor e Edgar Silva, vogal do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia afondou nas peritaxes informática e forense. Despois da súa intervención e xa para rematar a xornada, celebrouse unha mesa redonda sobre a Lei orgánica de protección de datos de carácter persoal na que participaron Ana Garriga, profesora de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo; Jesús Rodríguez, presidente da Asociación de Enxeñeiros Informáticos de Galicia, (AEIG) e Miguel Abal, consultor informático.

Próximas xornadas

As novas tecnoloxías e os aspectos legais que a rodean, retornarán de novo ao campus o 22 e 29 de abril, días nos que a aula magna e o salón de actos do Edificio Politécnico acollerán a partir das 16.00 horas diversos relatorios nos que se afondará en aspectos como a seguridade informática, a controversia en materia dos nomes de dominios de Internet, o réxime xurídico da vídeo vixilancia, a sinatura electrónica, a instrución dos delitos informáticos e o emprego das novas tecnoloxías como un avance na integración das persoas cegas.
< Ant.   Seg. >

DUVI. Diario da Universidade de Vigo. 2007-2008 | Redacción